PRIMEIRA PARTE

A PRÁCTICA CORRECTA

“A práctica do zazen é a expresión directa da nosa verdadeira natureza. Estrictamente falando, para un ser humano non hai outra práctica ca esta práctica; non hai outra forma de vida ca esta forma de vida”.

A Postura

“Estas formas non son os medios de obter o estado de mente correcto. Adoptar esta postura é en sí mesmo ter o estado de mente correcto. Non hai necessidade de obter ningún estado de mente especial.”

Agora gostaríame falar da nosa postura de za-zen. Cando vos sentades na posición do pleno loto, o voso pé esquerdo
está enriba da vosa coxa dereita e o voso pé dereito está enriba da vosa coxa esquerda. Cando cruzamos as nosas pernas así, aínda que teñamos unha perna dereita e unha perna esquerda, volveron-se unha. A posición expresa a unidade da dualidade: non dous e non un. Esta é a enseñanza mais importante: non dous e non un. O noso corpo e a nosa mente non son dous e non son un. Se pensades que o voso corpo e a vosa mente son dous,iso é un erro. O noso corpo e a nosa mente son ao mesmo tempo dous e un. Normalmente pensamos que si algo non é un, é mais ca un; se non é singular, é plural. Pero na experiencia real, a nosa vida non é só plural, senón tamén singular. Cada un de nos é á vez dependente e independente.

Despois de algúns anos morreremos.Se simplemente pensamos que é o final da nosa vida, isto será comprensión errónea. Mais, pola outra banda, se pensamos que non morremos, isto tamén está mal. Morremos e non morremos. Esta é a comprensión correcta. Algunhas persoas poden dicir que a nosa mente ou alma existen para sempre, e que soamente é o noso corpo físico o que morre. Pero isto non é exactamente correcto, porque tanto o corpo como a mente teñen o seu fin. Pero ao mesmo tempo é verdade que existen eternamente. E ainda que dicimos “mente” e “corpo”, son en realidade duas caras dunha moeda. Isto é a comprensión correcta. Así, cando adoptamos esta postura, isto simboliza esta verdade. Cando teño o pé esquerdo no lado dereito do meu corpo e o pé dereito no lado esquerdo do meu corpo, non sei cal é cal. Así, calquera dos dous pode ser o lado esquerdo ou o dereito.

A cousa máis importante ao adoptar a postura de zazen é manter a columna vertebral dereita. As orellas e os ombros deberían estar nunha liña. Relaxade os ombros, e empuxade cara ó teito coa parte de atrás da cabeza. E deberíades retraer o queixo. Cando o queixo bascula cara enriba, non tedes fortaleza na vosa postura; estades probablemente soñando.Tamén, para gañar fortaleza na postura, presionade o diafragma cara embaixo, cara o hara, ou abdomen inferior. Isto axudará-vos a manter o voso equilibrio físico e mental. Cando intentades manter esta postura, ao principio podedes atopar certa dificultade en respirar naturalmente, mais cando estedes acostumados a ela, seredes capaces de respirar natural e profundamente.

As vosas mans deberían formar o “mudra cósmico”. Se poñedes a man esquerda enriba da dereita, os cotelos medios dos dedos medios xuntos e tocades os pulgares lixeiramente un con outro (como se sostivesedes un cacho de papel entre eles), as vosas mans formarán un fermoso óvalo. As mans deberían ser mantidas contra o corpo, con os pulgares á altura aproximadamente do embigo. Mantede os brazos soltos e relaxados, e lixeiramente afastados do corpo, como si sostivesedes un ovo debaixo de cada brazo sen rompe-lo.

Non deberíades estar inclinados cara os lados, cara atrás ou cara adiante. Deberíades estar sentados dereitos como se soportasedes o ceo coa cabeza. Isto non é soamente forma ou respiración.Expresa o punto clave do Budismo. É unha perfecta expresión da vosa natureza búdica. Se queredes unha verdadeira expresión do Budismo, deberíades practicar deste xeito. Estas formas non son o medio de alcanzar o estado mental correcto. Adoptar esta postura en sí mesma é o propósito da nosa práctica. Cando tedes esta postura, tedes o estado mental correcto, así que non hai necessidade de tentar acadar ningún estado especial.Cando se intenta acadar algo, a mente empeza a vagar acerca de algunha outra cousa. Cando non intentamos acadar nada, temos o noso propio corpo e a nosa propia mente xustamente aquí. Un mestre Zen diría: “Matade o Buddha!”. Matade o Buddha, se o Buddha existe en algunha outra parte. Matade o Buddha, porque deberíades reasumir a vosa propia natureza Búdica.

Facer algo é expresar a nosa propia natureza. Non existimos por algunha outra cousa. Existimos por nós mesmos. Esta é a enseñanza fundamental expresada nas formas que observamos. Do mesmo xeito que para sentar-nos, cando estamos de pé no zendo temos algunhas regras. Mais o propósito destas regras non é facer a todo o mundo igual, senon permitir que cada un exprese o seu propio eu do xeito máis libre. Por exemplo, cada un de nós ten a súa propio maneira de estar de pé, de maneira que a nosa postura en pé está baseada na proporción dos nosos propios corpos. Cando estades en pé, os vosos talóns deberían estar tan separados como o ancho do voso puño, os dedos gordos en liña cos centros dos s peitos. Como no zazen poñede algunha forza no abdome. Tamén aquí as vosas mans deberían expresar o voso eu. Sostede a man esquerda contra o peito cos dedos rodeando o polgar e poñede a man dereita sobre ela. Suxeitando o polgar apuntando cara abaixo e os antebrazos paralelos ao chan, sénte-se como se se tivera un piar redondo nas mans – o gran piar redondo dun templo, de xeito que non se pode ser derribado ou empurrado a un lado.

O punto máis importante é posuír o propio corpo físico. Se vos derrubades, perderedes o voso eu. A vosa mente estará vagando en algunha outra parte; non estaredes no voso corpo. Este non é o camiño. Temos que existir exactamente aquí, exactamente agora! Este é o punto clave. Tedes que ter os vosos propios corpo e mente. Todas as cousas deberían existir no lugar correcto, da maneira correcta. Entón non hai problema. Se o micrófono que emprego cando falo existe en algunha outra parte, non servirá ao seu propósito. Cando teñamos o noso corpo e a nosa mente en orden, todo o demais existirá no lugar correcto, da maneira correcta.

Pero normalmente, sen ser conscientes disto, tentamos cambiar algo distinto de nosoutros mesmos, tentamos ordenar as cousas fora de nosoutros mesmos. Pero é imposible organizar as cousas si vos mesmos non estades en orden. Cando fagades as cousas do xeito correcto, no tempo correcto, todo o demáis estará organizado. Vos sodes “o xefe”. Cando o xefe está durmindo, todo o mundo está durmindo. Cando o xefe fai algunha cousa ben, todo o mundo fará todo ben e no tempo correcto. Ese é o segredo do Budismo.

Así, tentade manter sempre a postura correcta, non soamente cando practiquedes zazen, senón en todas as vosas actividades. Adoptade a postura correcta cando estedes a conducir o voso coche, e cando estedes lendo.Se ledes nunha posición esparexada, non podedes estar despertos moito tempo. Tentadeo. Esta é a verdadeira ensinanza. A ensinanza que está escrita nun papel non é a verdadeira ensinanza. A ensinanza escrita é unha especie de motivo de reflexión. Por suposto, é necesario ter algún motivo de reflexión, mais é mais importante ser un mesmo pola práctica da forma de vivir correcta.

Iso é por qué Buddha non podía aceptar as relixions que existían no seu tempo. Estudiou moitas relixions, pero non estaba satisfeito coas suas prácticas. Non podía atopar a resposta no ascetismo nin en filosofías. Non estaba interesado en ningunha existencia metafísica, senón no seu propio corpo e a súa propia mente, aquí e agora. E cando se atopou a sí mesmo, atopou que todo o que existe ten natureza búdica. Esa foi a súa iluminación. A iluminación non é ningun sentimento bo, nin ningun estado de mente particular. O estado de mente que existe cando vos sentades na postura correcta é, en sí mesmo, iluminación. Se non podedes estar satisfeitos co estado de mente que tedes en zazen, iso significa que a vosa mente está ainda a divagar. O noso corpo e a nosa mente non deberían estar cambaleando ou divagando. Nesta postura non hai necesidade de falar do estado de mente correcto. Xa o tedes. Esta é a conclusión do Budismo.